Manifiesto pola laicidade

Redes Cristianas


Versión para imprimir

Redes Cristianas, dende a súa dobre pertenza á comunidade cristiá-católica e á sociedade civil, aposta decididamente pola independencia, respecto e colaboración entre estes dous ámbitos e avoga por un Estado laico que supere o actual confesionalismo encuberto e por unha Igrexa inspirada só polo Evanxeo e non sometida a ningunha tutela do Estado.

Consciente de que as actuais relacións entre Igrexa/Estado en España, baseadas nos Acordos do 1979, foron o principal obstáculo á separación entre ambos e que actualmente están a xerar un gran malestar en amplos sectores sexan católicos ou non, Redes Cristianas manifesta claramente a súa postura e invita a sumarse a cantas institucións ou persoas queiran facelo.

O desenvolvemento progresivo da laicidade debe ser considerado como un feito positivo. É a lenta maduración da humanidade cara a unha cultura do pluralismo, do respecto á diferenza, é avanzar cara á creación daqueles espazos de liberdade que fan posible o diálogo entre tódalas ideoloxías filosóficas ou relixiosas, crentes ou non. E, posto que o único garante deste espazo público é o Estado, laicidade significa a autonomía do Estado respecto de calquera

maxisterio relixioso ou cosmovisión filosófica que pretenda impoñerse como a única verdadeira.

Dende esta postura:

1.Denunciamos os Acordos de 1979 do Estado español coa Santa Sé -en vigor dende hai case 30 anos- e non propoñemos a súa renovación porque, nacidos en situación de privilexio confesional católico, están a afectar hoxe en día a unha sociedade relixiosamente plural e amplamente secularizada e son causa de moitos dos conflitos que afectan á convivencia cidadá. E, en consecuencia, esiximos que as entidades dependentes da Igrexa e demais confesións relixiosas se acollan ao dereito civil que regula a vida asociativa no Estado.

2.Apostamos por unha laicidade plena que recoñeza a autonomía do político e civil respecto ao relixioso e camiñe cara á separación definitiva da Igrexa e o Estado, recoñecendo a igualdade de dereitos e deberes, sen privilexios nin vantaxes eclesiásticas e garantindo o exercicio das liberdades fundamentais para todos e todas. A Igrexa será libre só cando estea clara e definitivamente desligada do Estado e se poña decididamente ao servizo dos pobres e excluídos deste mundo.

3.Avogamos por un "pacto pola laicidade" entre confesións relixiosas e o Estado, que dea lugar a un "estatuto de laicidade" que regule a presenza e as actuacións dos poderes políticos nas cerimonias relixiosas e das xerarquías relixiosas nos actos políticos, suprimindo os símbolos relixiosos no espazo público civil.

4.Esiximos que o funcionamento democrático interno, a participación das bases e a transparencia sexan criterios a ter en conta por parte do Estado á hora de establecer marcos de colaboración coas entidades sociais. Consecuentemente, denunciamos o clericalismo e a discriminación por razóns de xénero e orientación sexual, aínda presentes na Igrexa católica e outras confesións.

5. Defendemos unha "laicidade escolar" que posibilite a formación integral da persoa, a aprendizaxe, a socialización e a enculturación sen proselitismos nin adoutrinamentos, e que responda a principios de igualdade, liberdade e formación crítica para tódalas persoas. Recoñecemos o pluralismo relixioso e cultural existente, e, en consecuencia, denunciamos a actual presenza da relixión confesional católica no sistema educativo e na escola pública e concertada.

6. Apostamos por unha sociedade secularizada e pluralista, organizada democraticamente dende a aconfesionalidade e sen permitir interferencias confesionais no espazo político, nin privilexios que, dende os principios de xustiza e equidade, causan agravios comparativos co resto das institucións. Dende aquí denunciamos o actual sistema de financiamento da Igrexa católica polo Estado español.

7. Avogamos por manter a autonomía da ética nunha sociedade laica en tódolos ámbitos propios dunha sociedade secular (no tecido social, político, produtivo, cultural, científico...), sen necesidade de acudir a motivacións relixiosas para lexitimala. E, en consecuencia, denunciamos as presións da xerarquía católica para impoñer a súa moral sobre a ética pública.

8. Defendemos a presenza das confesións relixiosas nos medios de comunicación. Pero denunciamos á Conferencia Episcopal Española polo intolerable abuso do dereito da Liberdade de Expresión que está a facer Cope. Esiximos á Conferencia Episcopal Española o cambio radical na súa liña editorial e ao Goberno maior firmeza na garantía do respecto aos dereitos dos cidadáns.

Urximos, finalmente, ao actual goberno do Estado como detentor e representante da soberanía popular e ás xerarquías das confesións relixiosas, especialmente á da Igrexa Católica, que asuman responsablemente o espírito da Constitución, a cal, no Art. 16 parágrafo 3, ao afirmar que "ningunha confesión terá carácter estatal", avoga polo establecemento daquel espazo laico e de diálogo ao que facemos referencia.

Redes Cristianas, setembro 2008



Manifiesto en Castellano

Manifiesto en Euskera
Manifiesto en Català - Valencià
Volver al Menú