A Coordinadora de Crentes Galeg@s  ven facendo, desde hai moitos anos, unha reflexión que damos a coñecer como Documento da Paz no remate de cada ano e no comezo do aninovo.
Fixamos a nosa atención cada ano nalgúns dos aspectos nos que nos xogamos a humanidade. Porque podemos evitar os sufrimentos das persoas e alentar os primeiros pasos de cara a unha maior cohesión social, a través da creación de vínculos e de solidariedade, que é a forma máis sólida de construír a paz.
No momento que estamos a vivir preocúpanos moito a imaxe pública do papel que desempeña a Igrexa na vida social. Esta imaxe ven reflectida nos medios de comunicación, pero tamén na opinión dos diversos sectores da sociedade sobre o que pensamos e facemos os cristiáns e especialmente sobre a forma en que a Igrexa orienta a súa intervención no conxunto das relacións sociais. Non queremos aparecer como unha Igrexa gardiá da corrección moral e de ritos herdados de antepasados e afastados do actual imaxinario cultural. Os valores do Evanxeo non teñen por que aparecer vestidos por roupas rancias e resesas que non se corresponden coa súa orixe nin cos nosos tempos. Fronte a esas formas ancoradas no pasado, gustaríanos “primerear”, en expresión do Papa Francisco. Dito coas súas palabras: “adiantarse, tomar a iniciativa sen medo, saír ao encontro, buscar aos que están lonxe e chegar ás encrucilladas dos camiños para invitar aos excluídos” (EG 24), recoñecendo  que de nada serven “os discursos e praxes sociais ou pastorais sen unha espiritualidade  que transforme o corazón” (EG 262).
Somos conscientes dos aspectos negativos que presenta a Igrexa, e tamén dos positivos. Queremos intensificar estes e tratar de eliminar todo o que free o poder de proposta para construír a paz, desde a Igrexa e desde fóra dela. Queremos que a sociedade enteira comprometa todo o seu empeño en conseguir progresivamente unha situación digna para tod@s.
Dóenos todo aquilo que se poida ver e dicir en negativo da Igrexa. Entendemos que non todas as críticas son xustas, que algunhas veñen por poñerse do lado das persoas que sofren, das excluídas, das aldraxadas. Pero outras críticas están feitas por estar do lado do poder, ese que exclúe e que aldraxa a dignidade humana. Avogamos por comportamentos exemplares, como corresponde a persoas e institucións que se declaran cristiás e como tales deben seguir o exemplo de Xesús e inspirarse no Evanxeo nas súas actuacións concretas.
É totalmente impropio de persoas cristiás que queren ter o Evanxeo como fonte de inspiración das súas vidas:
.-  A indiferenza diante das situacións de inxustiza. A indiferenza leva a que os poderes fácticos deixen de abordar seriamente situacións extremas, como as que se dan no caso de pobreza severa, emigrantes e refuxiados; o que leva consigo dor, todo tipo de penalidades e ata a mesma morte.

.-  A insensibilidade diante do importante número de persoas dentro do sector dos nenos, das mulleres, das familias, dos maiores, que arrastran problemas moi serios. A sociedade no seu conxunto  ten que buscar solucións eficaces. A Igrexa debe sentirse a si mesma como unha forza viva e empeñada  en promocionar e sumar sinerxías capaces  de levedar a vida social.

.-  A inhibición en actividades e organizacións que se propoñen como obxectivo loitar polo ben común. É necesario implicarse nos movementos que traballan para fortalecer a rede dunha economía solidaria, como é o caso de Nacións Unidas  que coa súa “Axenda 2030″ pretende alcanzar 17 grandes Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS), de forma que os 800 millóns de persoas  que contan para vivir con menos de 1,25 dólares/día, poidan  vencer definitivamente a fame, as enfermidades, a incultura e a morte antes de tempo.

.-  O abuso de poder en calquera das súas formas. Dentro e fóra da Igrexa, o “carreirismo”, o afán de sobresaír, de posuír, levan en moitos casos ao abuso do poder, a afondar na desigualdade e na cronificación da pobreza de amplos sectores sociais.

.-  O apego aos bens económicos e non ter claro a función social dos propios bens. Que función desempeñan os numerosos bens da Igrexa? A práctica de inmatriculación dos bens (ducias de miles nas últimas décadas),  cualificada moitas veces de voracidade inmobiliaria, necesitaría un tratamento  moito máis sereno e meditado que non perda de vista o ben común e a función social deses bens. Na xestión dos bens da Igrexa debe quedar claro o afán de servizo, e debe excluírse o afán de posesión. Para unha xestión en clave de servizo, a Igrexa ten instrumentos, como Cáritas, consellos económicos, etc., capaces de impulsar, xunto con outras institucións, proxectos de vivenda social e iniciativas de cooperación que poden cumprir o dobre obxectivo de resolver necesidades urxentes e de aportar formación social, tan precisa para achegar capacidade de solución para moitos problemas cidadáns.

.-  A pederastia e os abusos sexuais que constitúen delitos abominables. Tanto na sociedade como na Igrexa debe extremarse o coidado para respectar a dignidade de todo ser humano. E non se debe ter ningún tipo de tolerancia cos abusos exercidos contra persoas débiles e indefensas. Desde a ética común, a sociedade comeza a considerar e a tentar poñer en práctica unha praxe de tolerancia cero fronte aos abusos e a pederastia. Nunha persoa cristiá ou relixiosa as razóns son máis determinantes e funden as súas raíces no Evanxeo como Boa Nova de Xesús para iluminar o que deben ser as relacións humanas.

Xesús de Nazaré como exemplo e modelo de vida.

Xesús coas súas palabras, coas súas obras, con toda a súa vida abriu camiños novos para os seus seguidores e para toda a humanidade. As ensinanzas, as curacións, a actividade toda despregada por Xesús mostran que Deus está con el, que Xesús é o reflexo de como é Deus. E levan a entender o mundo desde Xesús, a converterse á Boa Nova na que Deus é o motor da acción salvadora de Xesús, que se mostra especialmente nos pobres, nos pecadores, nos oprimidos por toda clase de mal. Se Deus salva ao máis deshumanizado e afastado de El, é que a salvación alcanza a tódalas persoas.
No anuncio do Reino de Deus e no sermón do monte, como núcleo da súa mensaxe, revélase a paixón de Deus polas súas fillas e fillos como fonte da fraternidade universal e dáselle un lugar concreto e preferente ás vítimas da desorde social e das inxustizas estruturais. Xesús expulsando demos, curando vidas estragadas, perdoando  pecados e promovendo unha comunidade de discípulos é quen anuncia a chegada do reinado de Deus, reino de paz, xustiza e amor.
O predicador, Xesús, converterase logo en obxecto de predicación na comunidade ou comunidades de crentes. E é precisamente o Mesías fracasado, o Xesús perseguido e asasinado a quen se anuncia como Cristo resucitado e exaltado por Deus. De novo a opción polos pobres, polas vítimas da historia marca a forma de entender a elección divina e a alianza entre Deus e a humanidade.

O noso compromiso desde a fe e desde a vida.

Para quen a fe nos leva a ser seguidores de Xesús, e para tódolos homes e mulleres de boa vontade, dar continuidade ao proxecto de Xesús convértese nunha tarefa primordial. As persoas cristiás, de xeito especial, polo bautismo, quedamos asimilados á Cristo e unxidos polo Espírito Santo (LX 34) e correspóndenos a nós  ordenar tódalas realidades cara Deus sen eliminar a dimensión secular de todas elas. Así o ser humano convértese en co-creador, en canto leva a creación cara Deus xerando xustiza, solidariedade e verdade.
Xesús impulsou unha comunidade de crentes e seguidores que, organizada en comunidades locais, ían dar continuidade ao proceso posto en marcha por Xesús. A Igrexa, tal como a coñecemos e como a vivimos, é o resultado dos procesos posteriores. É unha Igrexa, “semper reformanda” en palabras dos Santos Padres. Debe ser reformada especialmente cando vive escorada cara ao poder e ao dominio da xerarquía por asimilación á sociedade civil, cando actúa sen profetismo e acepta como bo o sistema socioeconómico actual que exclúe a unha gran maioría de persoas.
Vivimos tempos  novísimos. Estamos inmersos nunha problemática complexa. Ao tempo que medra a conciencia da dignidade humana, a arela da xustiza e a necesidade urxente de acadar un equilibrio ecolóxico, tamén medran a insolidariedade, a opresión e a explotación sen límite da terra que habitamos. A figura de Xesús  ha de ser o guía que nos debe marcar o rumbo e a luz do Evanxeo ten que converterse na luz que oriente os nosos pasos. É POSIBLE OUTRA IGREXA, PROFÉTICA, SERVIDORA e COMUNITARIA. O Papa Francisco e innumerables testemuñas son compañeiros e compañeiras na actual viaxe da vida, e partícipes na tarefa de encarnar toda a forza do Evanxeo no mundo actual.
Coordinadora de Crentes Galeg@s

 

paz-2018[7402]

Documento da Paz 2018[7401]

   
© 2012 Redes Cristianas Suffusion theme by Sayontan Sinha